Non podía haber motivo máis acaído que un conto infantil para o edificio da actual Ludoteca Municipal, a antiga escola da vila construída nos anos 20 do século pasado.

En Carapuchiña feroz represéntase unha peculiar escena do conto popular "Carapuchiña vermella", pero Susana Llorente e Carlos Fernández ofrécenos unha Carapuchiña distinta, que se pon mesmo a carauta de lobo e que, rachando cánones, deixa de ser vítima e pasa a ser ela a feroz.

Nesta obra pintada en 2014 podemos observar un bosque de carballos onde unha pequena carapuchiña cun anteface de lobo nunha noite de lúa chea, invita ao espectador a introducirse nese bosque, nese mundo de fábula, de aventura e de misterio. A personaxe desafía así aos medos e rompe cos estereotipos. Rebelde e sen medo toma as rendas da súa vida e decide emprender un novo camiño co firme propósito de explorar e conquistar outras realidades posibles. Carapuchiña valente, posúe a ferramenta máis poderosa, a súa liberdade, e unha pola de carballo coa que defenderse dos posibles lobos que atope no camiño. O mural segue unha estética moi ilustrativa que presenta reminiscencias dos debuxos para contos infantís.

Na parte baixa da escena, recóllense uns versos de Luís Seoane: "Nesas paredes que semella que agardan pobres, humildes, silenciosas, entrego a miña mensaxe".

Susana Llorente é unha artista plástica afincada en A Coruña que traballa múltiples disciplinas coma pintura, escultura, deseño, artesanía, etc. e tamén muralista. Máis info sobre a artista...

Carlos Fernández Concheiro é un artista de Muxía (A Coruña) que tamén é arquitecto e mestre de instituto, ademais de activista cultural cun longo percorrido.