Serpentes mariñas, sereas ou ameazantes polbos xigantes son algúns dos seres mitolóxicos que habitan no mural Mar de Lenda da artista italiano-galega, Rachele Cavallo, nun dos muros do patio do CEIP Bergantiños.

Este gran mural horizontal, pintado en 2015, representa un entorno mariño onde se suceden distintas escenas baseadas na mitoloxía celta: en primeiro lugar aparece unha serpe mariña que xorde do mar amosando a súa maxestosidade; en segundo, aparece o Kraken, un polbo xigante que segundo a mitoloxía lanzábase ao ataque de embarcacións golpeándoas e envolvéndoas cos seus tentáculos mentres as arrastraba ás súas fauces; e por último, aparece unha serea chamada "Mariña", lenda que pertence concretamente á zona das Rías Baixas e que está relacionada coa festa de San Xoán.

As figuras teñen formas suaves e redondeadas para darlle un aspecto máis delicado, xa que ao estar destinado a un público infantil o resultado tiña que ser o máis sobrio posible, asegura a artista. Así mesmo, as cores utilizadas intentan crear un ambiente alegre e enérxico. Trátase dunha paisaxe de acantilados que lembran o litoral entre Razo e Malpica, e na que destaca un dos momentos máis fermosos e de gran beleza do día en Razo: o solpor.

Rachele Cavallo "Rakele" é unha artista carballesa nada en Milán (Italia), multidisciplinar, que desenvolve a súa obra entre a fotografía, a produción multimedia, as artes gráficas publicitarias, o deseño gráfico e o muralismo.