O mural de Hyuro de 2016 leva por nome Morriña, ese termo tan intrinsecamente galego e dotado de tantos significados vencellados á terra, á orixe e á cultura propia. Como no resto dos seus traballos anteriores, a artista xera un particular vínculo entre pintura e público, na procura do enfrontamento co espectador, do que pretende espertar a curiosidade e reactivar o diálogo interno entre o que somos e o lugar que ocupamos no mundo.

Entre moitos dos temas tratados, destaca a figura da muller, non só dende a súa condición de xénero asignado dentro do mundo patriarcal, se non tamén como suxeito sometido a presións impostas por este sistema capitalista. Nesta composición, na que unha muller aparece prostrada enriba dun manto e semella estar chorando ou lamentándose, reflexiona sobre o paso do tempo e as súas consecuencias. Dende un punto de vista antropolóxico, a cultura é todo aquilo que non provén directamente da natureza. En base a esta reflexión, Hyuro utiliza este manto como metáfora visual da cultura (a galega en particular) e todas as tradicións e costumes que se perden coa evolución dos tempos modernos nos que vivimos e a morriña que desta perda se desprende nas persoas.

Hyuro, arxentina afincada en Valencia, é coñecida pola pintura cargada de mensaxe e simboloxía. Ver web da artista...