Neste impresionante mural de grandes dimensións do 2016 que titulou Home Carballo, o artista galego Nove Noel xoga cunha composición narrativa formada por tres viñetas que podemos ler de esquerda a dereita e nas que conta unha pequena historia que brinda homenaxe á nosa vila.

Na parte esquerda, emerxe unha figura masculina semihumana, a cabalo entre árbore (carballo) e home, que brota de entre as pedras (dolmen) para mutar de árbore a humano. Mentres que no lado dereito, vemos a progresión inversa na figura dun animal con trazos femininos, a medio camiño nunha mutación de animal a humano. A imaxe conxunta representa a dualidade entre o masculino e o feminino e a simbiose entre o humano e a natureza, mesturando estes dous conceptos como obxectivo para atopar un equilibrio de convivencia e harmonía entre ámbalas dúas realidades.

Nove Noel é natural de Rianxo (A Coruña), cun estilo que destaca por unha forte expresividade moi influenciada pola xestualidade das linguaxes da banda deseñada e unha técnica pictórica complexa e graficamente densa. Ver web do artista...