A artista polaca Natalia Rak, representou no 2016 en I missed you..., unha imaxe directa que racha conceptualmente cos seus anteriores traballos, levándonos a un plano máis romántico dentro da súa traxectoria artística.

Unha historia de amor representada nun único fotograma, que brinda homenaxe a aqueles vellos filmes dos anos 40 ou 50 nos que dous amantes se funden nun poderoso abrazo a punto de darse un bico. Trátase dunha imaxe icónica e universal, na que se recolle o intre no que a tensión dramática chega ao seu éxtase meirande o recontro ao abrigo da choiva.

Natalia Rak é unha artista polaca moi coñecida polos seus xigantes retratos nun estilo moi colorista, detallado, cos que se achega a mundos oníricos e case surrealistas.