Nesta clase maxistral realizada durante o Rexenera Fest do 2017, as persoas asistentes adentráronse de cheo na complexa técnica do aerosol, entendendo o seu funcionamento e aprendendo, de xeito práctico, o proceso de transportar á parede o acabado realista dunha fotografía co asesoramento e axuda do artista.
No taller, realizado nas paredes traseiras da Estación vella de Autobuses de Carballo, creouse un gran raposo cheo de cor, realismo e maxestosidade.

O vigués Powone é un dos pioneiros do graffiti en Galicia. O seu traballo viaxa da fotografía ao mural directamente, sen trampa, filtro, nin cartón, un proceso no que se sinte cómodo e que manexa de xeito preciso, usando o aerosol como ferramenta esencial coa que acada uns acabados moi expresivos e minuciosos.