O artista carballés Mon Lendoiro empregou como lenzo unha parede próxima á nova biblioteca de Carballo, a do Rego da Balsa, á que acoden gran número de veciños e veciñas, sobre todo os máis cativos.
De camiño vou representa unha escena cotiá onde a ecoloxía, os animais, a natureza e a paisaxe predominan en todo o mural; sendo o home ou as persoas que aparecen na obra, unha pequeniña parte da historia. Desta maneira, tódolos elementos que a compoñen, encaixan e son necesarios.
Segundo a visión do autor, vivimos nunha sociedade onde a construción, o feísmo urbano e o cemento invaden por completo todo o noso entorno, deixándoo de lado e destruíndo a beleza dos lugares e dos camiños. Para observar este feito, Mon invita ao espectador a poñerse diante do seu muro, De camiño vou, e desde alí observar ao seu redor, e verá como o cemento, a construción, o ladrillo e o feísmo urbano substitúen á propia natureza do redor, deixando esta última reducida a unhas simples silveiras ou terreos a medio facer. Para que isto non suceda, debemos respectar e conservar os lugares e a propia contorna. Espazos da vila como o Bosque ou o río Anllóns deben ser coidados e mimados para que as próximas xeracións desfruten deles. Esta é a mensaxe que o artista pretende reflectir no mural, ademais da sensación de liberdade representada na moza en motocicleta e no mozo en bici. Como constante en Lendoiro, o emprego de cores vivas e planas, evócanos ao universo naïf e de reminiscencias infantís.
Mon Lendoiro, artista de Carballo, desenvolve a súa actividade como ilustrador, pintor, deseñador gráfico e fotógrafo. Posúe unha galería de arte no centro da vila, Estudo Garabato.