Yoseba MP trae a Carballo no 2017 a súa serie de murais chamada 'Fenómenos do rural', onde as nosas avoas se converten en superheroínas dotadas de poderes sobrehumanos, rendendo así homenaxe á muller rural galega como figura crucial na nosa sociedade.

Como parte desa serie, o artista galego fixo o seu peculiar tributo á muller rural carballesa, aproveitando un dos produtos estrela da comarca bergantiñá: a pataca. Máis concretamente a variedade local coñecida como fina de Carballo: un tipo de pataca moi apreciado polo consumidor e orixinario da zona, que neste mural de grandes dimensións acada unha escala sobrenatural. Como se dun menhir se tratase, esta nova e forzuda superavoa porta con elegancia ao lombo unha pataca xigante ao máis puro estilo Obelix, deixando claro que se existiran patacas de tal calibre non lle teríamos medo ningún a apañalas.

Yoseba MP é Joseba Muruzábal, natural de Cambre (A Coruña). A súa obra caracterízase por un marcado estilo realista, que en ocasións unido ao surrealismo, mostra escenas cotiás a través dunha pincelada moi suxestiva e de forte influencia fotográfica. Máis info do artista...