Coa superficie rebelde e rugosa do bloque dun dos muros do CEIP San Luis Romero tocoulle pelexar a Cristina Castro na súa obra Mar. A artista recunca na estética infantil neste mural do 2015, ao igual que xa fixo no anterior mural, Bolboretas, que elaborou para o Derrubando muros con pintura que se pode visitar nun dos baixos do barrio da Milagrosa.

O muro, de formato horizontal e alongado, representa unha escena no fondo do mar cunha estética pensada para o fácil entendemento dos nenos e nenas do colexio. Deste xeito, a artista empregou formas simples e cores planas e vivas para plasmar diferentes peixes, cabaliños de mar, medusas, mergulladores e un gran submarino na parte central que fainos mirar baixo o mar.

Cristina Castro é unha artista de Carballo que desenvolve a maior parte da súa actividade en pintura e ilustración, ademais de participar en obras colectivas e proxectos de arte urbana como este. Ver web da artista...