A obra de Mon Lendoiro agocha unha historia que ten que ver coa vida, coa inocencia e co mundo infantil, pero tamén coa esperanza ante a diversidade. O protagonista é un elefante rosa, acompañado dun neno e unha nena, dos animais que conviven con eles na selva e dun can, o amigo fiel. No mural reflíctese un submundo incrible e orixinal, propios dos cativos, como sinala o autor, quen se inspirou nun soño.
Ao igual que o seu anterior traballo para o proxecto Derrubando muros con pintura fronte á Biblioteca Municipal do Rego da Balsa, o Elefante, do 2016, tamén amosa unha estética infantil, naïf. Neste sentido, Lendoiro coincide co pintor xaponés Yoshiro Tachibana en afirmar que "a infancia é un submundo, ao que sempre paga a pena voltar porque os adultos somos aburridos e perdemos a inocencia; medramos e esquecemos a forma que tiñamos de ver o mundo".
Mon Lendoiro, artista de Carballo, desenvolve a súa actividade como ilustrador, pintor, deseñador gráfico e fotógrafo. Posúe unha galería de arte no centro da vila, Estudo Garabato.