Os Veciños pertence á serie titulada "Eclipses de Cemento", unha definición crítica do noso comportamento como masa social. A través dela Isaac Cordal pretende focalizar a nosa atención sobre a desvalorizada relación coa natureza mediante unha mirada crítica e sarcástica, que apunta aos efectos colaterais da nosa evolución como especie.

As súas esculturas, que normalmente non superan os 25 cm, colócanse en lugares específicos que abren portas a outros mundos. A obra de Cordal contrasta coa magnificencia do gran mural e, dende a miniaturización, conmóvenos e transmítenos a soidade do individuo somerxido no entorno urbano e a capacidade dos grandes núcleos de poboación para devorar a diferenza, para homoxeneizar costumes e ritos e para alimentar a ruína lenta do desarraigo. Aínda que nos doa, e por desgraza, tódalas grandes urbes se asemellan e o singular e o autóctono quedan relegados ao pequeno. E así podemos percibilo nos Veciños que nos acompañan en Carballo dende o 2017.

Isaac Cordal é un artista galego, de Pontevedra, que destaca no ámbito da escultura e polas súas instalacións artísticas. Ver web do artista...