Conxuro para unha estabilidade  segue a serie de murais nos que Milu xoga coa idea do conxuro e coa representación da muller como menciñeira para achar curacións propias das problemáticas de xénero contemporáneas.

Neste mural que pintou no 2018, amósanos a dúas mulleres empoderadas realizando un novo feitizo para acadar a estabilidade desexada.

O uso da figura feminina como meiga ou bruxa, portadora dun coñecemento máis profundo e polo tanto, temida socialmente, e o feito de despoxala de todo matiz negativo ao que estamos acostumados historicamente, é unha declaración de intencións e un alegato feminista para a reivindicación da muller como responsable das loitas que ten que asumir e emprender no día a día.

Un traballo impecable, minucioso e certeiro, preciso na pincelada e no xogo de luces e sombras, e que nos sitúa en ambientes semiabandonados nos que agroman necesariamente novos movementos de resistencia.

Mili Correch naceu, vive e segundo ela, probablemente morrerá en Bos Aires, Arxentina. Sempre garabateou máis alá das súas actividades principais e fai uns anos aprendeu a pasar pequenas imaxes a grandes murais. Ver web da artista...